Actualmente
estamos a vivir unha escalada represiva brutal que resposta ao crecemento do
descontento social por mor dunha crecente desigualdade que está levando ao
aumento da mobilización social. Esta represión encádrase dentro da situación
actual de crise, pero non é nada novo, senón unha necesidade de calquera Estado
capitalista para conter as protestas do pobo.
Neste
contexto de loita polos dereitos e conquistas históricas das traballadoras,
aparecen novas leis de terror como a nova Lei de Seguridade Cidadá e a reforma
do Código Penal, que endurece aínda máis o castigo contra todas aquelas que
erguen a voz e loitan, estendendo a represión a sectores da poboación cada vez
máis amplos. Tanto ten que sexa unha estudante, unha traballadora, unha parada
ou unha migrante, a brutalidade policial, as detencións... cada vez van a peor.
Estas
agresións sófrenas especialmente as persoas presas. Así encadramos o noso
proxecto dentro dunha loita anticarceraria e antirrepresiva ampla, pois non
damos a este estado criminal a lexitimidade para encerrar a ninguén, xa que
sabemos que a maior parte dos delitos non existirían sen desigualdades sociais,
sumándolle a isto que o que lles espera a estas persoas en prisión son unhas
condicións de vida inhumanas. Dentro desta loita ampla, centramos a nosa
actividade na loita pola liberdade das máis de 400 presas políticas no Estado
Español, 15 delas galegas, dispersadas a miles de quilómetros da súa familia.
Aínda
que xa existen plataformas e iniciativas solidarias e antirrepresivas, nós
queremos construír un movemento solidario unitario e amplo, que supere as
divisións e os sectarismos, ao igual que tratamos de vincular esta coa loita
xeral contra a oligarquía financeira española. Só así poderemos lograr os nosos
obxectivos.
Por
todo isto, xorde o noso Comité de Solidariedade cas Represaliadas Políticas
(CSRP), no que conflúen persoas de diversas sensibilidades políticas, co
obxectivo de traballar e actuar unidas de cara a difundir a solidariedade e
facerlle fronte á represión.
O
CSRP está aberto á colaboración con individuos e colectivos na causa solidaria
e antirrepresiva e prestaremos a nosa axuda a toda aquela que estea a sufrir a
represión. Non obstante, o Comité é independente, e manterase separado orgánica
e economicamente de calquera organización ou institución, especialmente
daquelas que sexan cómplices ou parte activa na represión.
O
CSRP propón unha serie de puntos mínimos polos que loitaremos e os cales
reivindicaremos:
1.
Amnistía! Liberdade para TODAS as presas políticas e sociais.
2.
Derrogación de todas as leis represivas, como a Lei de Seguridade Cidadá, a Lei
Antiterrorista ou a Lei de Partidos, o réxime FIES, etc.
3.
Disolución do tribunal político herdado do franquismo chamado Audiencia
Nacional.
4.
Disolución de todos os corpos represivos do Estado.
5.
Anulación de calquera sanción administrativa ou penal en proceso por motivos
políticos.
6.
Liberdades políticas e sindicais plenas para a clase obreira e o pobo. Polo
respecto ás liberdades de expresión, asociación, reunión, folga e
manifestación.
7.
Supresión de todos os CIEs do estado español.
8.
Xulgamento dos responsables políticos e policiais da represión, torturas,
crimes de Estado, etc.
9.
Esixencia activa do respecto da dignidade de calquera presa.
Contra
a represión, unión e solidariedade!
Comité
de Solidariedade coas Represaliadas Políticas (CSRP).
Compostela,
novembro 2014.
___________________________________________________________________________________ ___________
Atualmente
estamos a viver umha escalada repressiva brutal que resposta ao crescimento
do descontento social por mor dumha medrança da desigualdade que está
levando ao aumento da mobilizaçom social. Esta repressom enquadra-se dentro da
situaçom atual de crise, mas nom é nada novo, só umha necessidade de qualquer
Estado capitalista para conter as protestas do povo.
Neste
contexto de luita polos direitos e conquistas históricas das trabalhadoras,
aparecem novas leis de terror como o projeto de nova Lei de Segurança Cidadá e
o de reforma do Código Penal, que endurecem aínda mais o castigo contra todas
aquelas que erguem a sua voz e luitam, estendendo a repressom a sectores da
populaçom cada vez mais amplos. Tanto tem que for umha estudante, umha
trabalhadora, umha parada ou umha imigrante; a brutalidade policial, as
detençons... cada vez vam a pior.
Estas
agressons sofrem-nas especialmente as pessoas presas. Assim, situamos o nosso
projeto dentro dumha luita anti-carcerária e anti-repressiva amplas, pois nom
damos a este Estado criminal a legitimidade para encerrar a ninguém, já que
sabemos que a maior parte dos delitos nom existiriam sem desigualdades sociais,
somando a isto que o que lhes espera a estas pessoas na prisom som umhas
condiçons de vida inhumanas. Dentro desta luita ampla, centramos a nossa
atividade na luita pola liberdade das quase 400 presas políticas do Estado
espanhol, 15 delas galegas, dispersadas a centos e miles de quilómetros das
suas famílias.
Mália
existirem já plataformas e iniciativas solidárias e anti-repressivas, nós
queremos construir um movimento solidário unitário e amplo, que supere as divisons
e os sectarismos, ao igual que tratamos de vincular este com a luita geral
contra a oligarquia financeira espanhola. Só assim poderemos lograr os nossos
objetivos.
Por
todo isto xorde o Comité de Solidariedade com as Retaliadas Políticas (CSRP),
no que confluem pessoas de diversas sensiblidades políticas com o objetivo de
trabalhar e atuar unidas de cara a difundir a solidariedade e fazer-lhe fronte
à repressom.
O
CSRP está aberto à colaboraçom com indivíduos e coletivos na causa solidária e
anti-repressiva e prestaremos a nossa ajuda a toda aquela que estiver sofrento
a repressom. No entanto, o Comité é independente e manterá-se separado orgânica
e economicamente de qualquer organizaçom ou instituiçom, especialmente daquelas
que forem cúmplices ou parte ativa na repressom.
O
CSRP propom umha série de pontos mínimos para reinvindicar e polos quais
luitaremos:
1.
Amnistia! Liberdade para TODAS as presas políticas e sociais.
2.
Derrogaçom de toda a legislaçom repressiva, como a Lei de Segurança Cidadá, a
Lei Anti-terrorista, a Lei de Partidos, o regime FIES, etc.
3.
Dissoluçom do tribunal político herdado do franquismo chamado Audiência
Nacional.
4.
Dissoluçom de todos os corpos repressivos do Estado.
5.
Anulaçom de qualquer sançom administrativa ou penal por motivos
políticos.
6.
Liberdades políticas e sindicais plenas para a classe obreira e o povo. Polo
respeito às liberdades de expressom, associaçom, reuniom, greve e manifestaçom.
7.
Supressom de todos os CIEs.
8.
Julgamento dos responsáveis políticos, policiais e militares da repressom,
torturas, crimes de Estado, etc.
9.
Exigência ativa do respeito da dignidade de qualquer presa.
Contra
a repressom, uniom e solidariedade!
Comité
de Solidariedade com as Retaliadas Políticas (CSRP)
Compostela,
novembro de 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario