domingo, 11 de diciembre de 2016

Entrevista a Emilio Cao, mozo represaliado fai 2 anos nas Marchas de Dignidade.

A continuación reproducimos a entrevista realizada a Emilio Cao, mozo represaliado fai 2 anos nas Marchas de Dignidade.
Boas Emilio! Dende o CSRP coñecemos o caso represivo no que estas envolto dende pouco despois da túa detención nas Marchas da Dignidade en Madrid en marzo de 2014. Polo que esta trascendo públicamente achégase agora case tres anos despois a data do xuízo ante o cal as Marchas da Dignidade convocan unha concentración o día 2 de decembro na teu pobo, O Carballiño. Ca intención de visibilizar e denunciar o teu caso e dita mobilización pensamos en facerche unha entrevista por escrito, para publicala un par de dias antes da concentración. Así que se che parece ben, achegámosche as preguntas para que as contestes.
En primero lugar, Emilio, poderías explicarnos cales foron as motivacións que te levaron a ir aquel día ata Madrid? Como apreciaches o ambiente na mobilización e cal é a tua valoración da disolución violenta da manifestación por parte das unidades antidisturbios da Policía Nacional, casualmente "xusto á hora do telediario" -como comentas no comunicado que convoca a concentración do día 3- que levaron a túa detención?
A miña principal motivación para asistir á mobilización do 22 de marzo do 2014 en Madrid foi a oportunidade que vía nesa convocatoria de visibilizar e denunciar a situación na que se atopaban milleiros de persoas en Galicia e no resto do estado español por culpa das políticas de miseria e morte que implantaba o Partido Popular. Dende que chegamos no autocar e durante o percorrido da manifestación todo transcurriu dunha maneira que poderíamos calificar de correcta, ata que os corpos policiais nun exercicio de represión indiscriminada e facendo gala dunha inusitada belixerancia comezaron a cargar contra nós. Como se pode ver nalgúns videos e nas testemuñas de persoas que asistiron á mobilización, a actitude coercitiva dos corpos policiais foi verdadeiramente desproporcionada, e condenable de maneira rotunda. Na voráxine de caos que se sucedeu tras as primeiras cargas vinme envolto nos disturbios e un policía, caracterizado coma un manifestante máis, abalanzouse sobre min sen aparente motivo e levoume ata onde estaban as unidades da UIP, todo isto baixo ameazas e improperios. Metéronme no furgón e levaronme á comisaría xunto a máis detidos que iban chegando cada certo tempo ao meu carón.
Tras a tua detención trasládanche á tan polémica -polos maltratos e torturas aos reos- Comisaria de moratalaz; alí atópaste co resto de detidos na manifestación, como foi o trato recibido por parte da policía cara ti e o resto de manifestantes detidos?
O trato foi completamente denigrante, mantivéronnos horas de pé contra a parede impedíndonos que falásemos co resto de compañeiros detidos. As horas pasaban e o sono facía mella en moitas das persoas que estabamos alí de pé , pero non espertamos ningun tipo de empatía nos policías que estaban alí ,que pola contra, seguían berrándonos e humillándonos. Finalmente cando lles apeteceu, baixáronnos ata as celdas , onde o primeiro día estiven ca luz prendida toda a noite, dificultándome a conciliación do sono ata que a un policía lle deu por apagala. En resumo, unha experiencia extremadamente desagradable.
Xa unha vez en liberdade como valoras a resposta das distintas organizacións políticas do Estado Español, así como o tratamento mediático perante as cargas e detencións ao final da mobilización, ten en conta que chegan a difundir que na manifestación de Madrid os altercados foran causados " por mebros dunha escisión de Resistencia Galega"?
O tratamento mediático foi claramente pretencioso, buscábase deslexitimar a mobilización popular e intentar que a xente condeara ese exemplo de dignidade que ali estabamos exercendo milleiros de persoas. Respecto á acusación sobre o de Resistencia Galega esta é completamente delirante, cando a clase dominante se ve incapaz de frear a loita popular rapidamente emprega armas arroxadizas no discurso para calumniar e condear a mobilización social.



Xa,dando un salto no tempo, podes explicarnos brevemente para cando estás citado ao xuízo e cales son as liñas principais de acusacións da fiscalía, e por outra banda como plantexas ti a defensa?
Por desgracia non sei a data do xuízo xa que non chegou o meu poder ningún tipo de citación. A acusación é de 3 delitos, atentado a autoridade, desordes públicos e lesións, e a condea total ascende a 5 anos e 8 meses de prisión máis unha sanción económica de 600 euros. Non teño máis que dicir que a acusación é inverosímil, xa que en ningún momento agredín a ninguén nin atentei contra nada. Espero que se impoña a razón e o dereito e poida librarme da condea, ainda que co carácter represivo dos organismos xuridicos cando se trata de accións de índole política nunca se sabe, espero que todo saia ben.
Ante tales acusacións como te atopas animicamente e cal é a valoración politica e personal que fas das mesmas?
Teño a conciencia tranquila xa que non cometín ningún delito salvo que o delito sexa manifestarme contra este sistema desigual, e respecto ao meu estado anímico sempre é inevitable que non estea un pouco preocupado por como poidan transcurrir as cousas. Dende logo non é máis que outro caso de represión por exercer o lexítimo dereito a manifestarse, o meu caso non é illado dende logo, xa que lle pasa a moitísima xente a diario, e por iso hai que tecer amplas redes de solidariedade entre as encausadas por accións políticas para exercer máis presión e socializar este tema tan pertinente na actualidade.
Finalmente, como valoras en xeral ambiente represivo en Galicia e no conxunto do Estado e como cres que se deben artellar a solidariedade neste tipo de casos?

Bueno, o ambiente represivo é francamente preocupante, casos por exemplo como a persecucción contra as estudantes que protestaron contra a homofobia de Domingo Neira e o machismo de Luciano Méndez na USC fan pensar que vivimos nun estado deficitario en termos de liberdades políticas. A solidariedade debe convertise nunha virtude dos movementos sociais e organizacións de esquerda e por iso debemos exercela en todo momento, no instituto,nas fábricas,na rúa... para evitar que sigan acontecendo casos coma os que sofre moitisima xente que se nega a seguir de brazos cruzados e decide aportar o seu gran de area para modificar o actual estado de cousas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario