domingo, 20 de diciembre de 2015

NOTA INFORMATIVA POLA IMPUTACIÓN DE CATRO ESTUDANTES POLO ESCRACHE AO HOMÓFOBO DOMINGO NEIRA

O próximo día 2 de decembro Antía, Atanes, Felipe e Mario estamos chamadas a declarar pola nosa imputación nun delito de coacción polo escrache realizado ao profesor de Ciencias de Educación Domingo Neira. Na facultade de Campus Sur, arredor de 70 persoas persoas convocadas polo Peche Historia nos concentramos para esixir a súa inmediata expulsión da USC, motivadas polos seus persistentes comentarios discriminatorios coa diversidade sexual e as mulleres.

O profesor Neira destaca dende hai anos nas súas aulas polo seu posicionamento homófobo e sexista, con bromas constantes e insultantes, mais tamén asegurando que cando di, por exemplo, que "a homosexualidade é contaxiosa" ou que é "un vicio" se basea en estudos científicos. Isto levou a que no pasado ano académico 2013-14 as e os seus alumnos denunciasen publicamente o seu comportamento, coa reacción do profesor reiterando os seus comentarios argumentando a súa suposta función de "crear consciencia crítica no estudantado. O Decanato, a pesar do seu silencio inicial, consentiu en levar o caso a un tribunal de investigación (entendemos que pola ampla repercusión mediática), e o procedemento rematou nunha sanción que creíamos definitiva. Mais sorprendentemente foi ao ano seguinte cando nos atopamos con que Domingo Neira retomaba a súa actividade laboral na USC, xa que apenas estivo suspenso algo máis dun cuadrimestre.

Por todos estes motivos denunciamos a situación, levándoa ata a mesa de negociacións co recién electo reitor Juan Viaño. Neira continuou no posto, facendo a USC oídos xordos ao estudantado. Atopámonos entón na necesidade de facer ver nas propias facultades que no imos aturar máis a discriminación nas nosas aulas, e foi por iso que o 13 de maio loitamos contra a censura e acudimos á chamada do Peche Historia para demostrar que na Universidade pública non hai espazo para as condutas que queren facer do seu odio irracional materia de exame.

No escrache, as únicas violentadas e coaccionadas fomos nós, que en ningún momento agredimos ao mencionado profesor. Non renunciamos a nosa lexitimidade á hora de denunciar discursos claramente homófobos nas aulas da USC nin a nosa actuación aquel día, que non foi máis que a consecuencia da pasividade das institucións universitarias en torno aos prexuízos do seu profesorado.

Agora somos chamadas a declarar por supostas coaccións, o cal é irónico tendo en conta que o comportamento de Domingo Neira, mais tamén das e dos individuos que o defenderon, ten bastante de coaccionador e, non o esquezamos, de violento. Cabe destacar que son as dúas persoas que formulan a denuncia: a Secretaria Xeral da USC, Consuelo Ferreiro Regueiro, e a Vice-decana da Facultade de Ciencias da Educación, María Jose Mendez Lois. Isto da unha idea do grao de complicidade que ten a directiva da USC con este docente e a súa conduta homófoba, mais tamén do escaso compromiso no que se atopa esta institución co respecto polas liberdades sexuais e a loita feminista.

En poucos días, e de cara a vista do xuízo, iniciaremos unha campaña de socialización do noso caso e denuncia da represión que sofremos polo simple feito de berrar que non queremos homofobia nas nosas aulas. Seguimos firmes na loita por unha sociedade libre de Patriarcado e chea de tolerancia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario