sábado, 1 de abril de 2017

Campaña en defensa pola liberdade de expresión

Nunca correron bos tempos para a liberdade de expresión no Estado español, pero a constante violación dun dereito tan elemental estase agudizando cada vez mais e o goteo continuo de casos de represión soamente por facer públicas opinións incómodas para este réxime levou ao Comité de Solidariedade coas Represaliadas Políticas a iniciar unha campaña de denuncia desa represión e en defensa do dereito a expresar calquera idea, opinión ou sentimento por moi contrario que sexa á mensaxe que desde os poderes do Estado nos intentan inculcar de todos os xeitos posíbeis a través dos seus resortes. 
Sen embargo, o Estado español nega a maior e presume de garantir esa suposta liberdade. O que non nos din, pero é cada vez mais notorio, é que está acoutada por uns lindes que deixan fóra calquera consideración negativa que poda danar os piares do réxime borbónico. Atreverse, por exemplo, a someter a crítica a Juan Carlos e Felipe de Borbón como herdeiros do mando dunha ditadura fascista ten como consecuencia estar no punto de mira e exporse a multas e incluso penas de prisión a modo de castigo exemplarizante e disuasorio, lanzando así mensaxe de que se pode pagar moi caro o cuestionamento dos fundamentos do Estado e en especial da figura do Rei.

Esa dureza contrasta de cheo coa benevolencia coa que se xulgan os delitos dos poderosos. E é que que a xustiza non é igual para todas era algo que viña sendo desde fai moito de coñecemento público, pero un caso tan paradigmático como o da absolución de Cristina de Borbón no xuízo do caso Nóos, reforzou máis que nunca a desconfianza total na xustiza e na súa suposta imparcialidade. En contraste total con esa benevolencia dunha xustiza que só foi cega para non ver toda a carga de proba contra a infanta, chegou tamén recentemente a condena a 3 anos e medio de prisión para o rapeiro mallorquín Valtonyc, unicamente pola súa crítica feroz contra as políticas criminais do réxime español e lanzar os seus dardos dialécticos contra o representante e responsábel último de toda esa barbarie, o Rei. O Estado de dereito, igual que a liberdade de expresión, está só reservado para a clase dominante e ao resto o único que se nos reserva é todo o peso da represión se nos atrevemos a protestar.

Esa represión vímola en numerosas ocasións a través da brutalidade exercida polos corpos represores para afogar a combatividade. Que todas tivésemos coñecemento dela foi posíbel moitas veces polos numerosos testemuños audiovisuais que desmontaron en infinidade de ocasións o mantra defendido até a saciedade polo Estado de que as actuacións destes corpos son sempre proporcionais e axustadas á legalidade. De aí o empeño, a través da Lei Mordaza, de suprimir ese dereito a gravar calquera actuación policial, pasando a estar duramente penado con multa se así o dispón o Estado con criterio totalmente arbitrario. E é que ante tempos convulsos, o Estado precisa incrementar a súa violencia sistemática para manterse e se pode ser sen testemuñas incómodas que podan probar todo ese sadismo, muito mellor.

Censura da libre opinión, dobre vara de medir e violencia desmedida. Esa é a receita xa ben coñecida e o único que nos ofrece este Estado. Só a protesta e a solidariedade artellada a través dunha mesta rede de apoio entre todos os sectores populares e todas as represaliadas poderemos pórlle freo e darlle a volta. Nas nosas mans está.





No hay comentarios:

Publicar un comentario